Esto
ocurriu nun recuncho do mundo chamado Galicia....
Un home,
vello, moi vello, atópase na súa cama esperando o momento último, esperando a
que a parca o convirta en defunto.
Tivera
unha vida plena da cal o escenario fora sempre o mesmo, a súa aldea, unha aldea
de interior, amparada por un monte de piñeiros e castiñeiros, típica,
tradicional, de labregos. De neno, coma moitos outros, era un traste, brincaba
de terreo en terreo buscando se algún veciño esquecera recoller unha ensalada ou
un tomate pra merendar debaixo de calquera castiñeiro. Non fora á escola, pero
aprendera todo o necesario pra vivir dos seus páis, labrego e costureira
respectivamente. Cando tiña 20 anos, polas festas do patrón da vila, coñecera a
unha rapaza dunha aldea cercana. Ela era moi guapa, de cintura estreita e
cabelo louro. Despois dun tempiño de mozos, casaran e, pioneiros eles, foran de
viaxe de bodas a pasar uns días a Ourense.
Ó longo da
súa vida, o noso home, traballara de moitas cousas: axudando no coche de línea
ao seu tío, de labrego coma seu pai e mesmo pasara un tempo de axudante do
recaudador da zona. Os seus empleos non lle deran unha vida de luxos, pero si o
necesario pra levar unha boa vida. Tivera fillos e fillas, netos e netas, todos
sen maoires problemas que o típico "rompeu o brazo ao caer da
bicicleta" ou "devolve seguido porque lle fixo mal o cocido"
Xa nos
últimos tempos, cos anos ao lombo, desfrutaba indo os sábados á tarde ata o bar
da aldea pra tomar un café acompañado dunha brisca en compañía da súa muller e
os seus veciños de toda a vida, pra despois saír ao fresco en verao, e ao sol
en inverno, pra ver aos rapaciños máis novos da aldea xogar, e observar nas
súas caras a felicidade e a alegría, esas que sólo as caras dos nenos amosan.
Se tocaba a boa hora, remataba a tarde do sábado vendo o Celta de Vigo ou o
Deportivo da Coruña no bar.
Fai un
ano, mentres durmía, a súa muller falecera dun ataque ao corazón. Os primeiros
días foran insoportables, porque a súa eterna compañeira, o seu eterno amor, xa
non estaba..., pero coa axuda dos fillos, fillas, xenros, noras, netos, netas e
ata bisnetos e bisnetas, volvera sorrir, aceptando cal era a función do tempo
que lle quedaba na terra: reflexión. Pensar todo o que fixera, recordar todos
os bos momentos, recordar e traer do pasado a mesmísima felicidade pra que,
cando chegase a hora de se volver atopar coa súa dona fora un enorme sorriso o
que poblase a súa cara.
Está o
home tumbado na cama, é domingo e toda a descendencia marchou xa despois de pasar
un día de familia na aldea. O home despediuse do resto da familia con máis afán
do normal porque a súa intuición dille que vai morrer esa noite. Pasa un pouco
das doce, e un estrano impulso lévao a erguerse da cama, vestirse, agarrar o
bastón e ir andando ata o punto no que a aldea desaparece e o monte de piñeiros
e castiñeiros comeza a ser o ambiente reinante. Alí, na entrada ao monte está
unha figura alta, cunha capa negra e unha gadaña que o invita a entrar na
fraga. Empuxado por dúas ou tres pequenas fadas, o home perde totalmente o medo
á morte que o enfrenta con aspecto terrorífico pero que, aínda así, provoca
serenidade. O espectro pon a súa man no hombro do home e acompañando o
movemento do mesmo, introdúceo na fraga, onde trasnos e mouras lle amosan o
camiño ata un altar de pedra onde a súa muller o espera, co aspecto de moza do
mesmo día que a coñeceu.
Faleceu
pouco antes das doce da noite, di o doutor da aldea, comunicando á descendencia
do noso home o pasamento do mesmo.